Fondo cabecera
Inicio » Turismo » Puntos de Interese » Monumentos » SANTA MARÍA LA REAL

SANTA MARÍA A REAL DO CEBREIRO

capela do santo milagre

     Recibe o nome de Santa María a Real do Cebreiro por ter sido declarado o santuario de protección Real, sendo favorecido o longo dos séculos por privilexios reais.


     A igrexa de estilo Prerrománico, foi fundada probablemente polos monxes bieitos, no século IX. No ano 1072 Alfonso VI, púxoa en mans dos monxes franceses da abadía de San Xiraldo de Aurillac, pasando a depender de novo da orde bieita en tempos dos Reis Católicos, e sendo finalmente abandonada por estes, trala desamortización de Mendizábal en 1853. No ano 1963 empezou a súa restauración xunto có resto do conxunto histórico do Cebreiro.


     Ten planta rectangular con cuberta de lousa a dúas augas, presbiterio e arco triunfal con bóveda de medio punto. A torre forma un pórtico con catro piares e catro vanos con arcos de medio punto, representando a típica arquitectura das montañas de Lugo.


     O interior está articulado en  tres naves irregulares, sancristía e un baptisterio situado á esquerda nunha habitación separada do resto da igrexa. Nesta habitación localízase unha pía bautismal do s. IX que se utilizaba nos seus primeiros tempos para o bautismo por inmersión.
     No Altar Maior pódese admirar  o Cristo crucificado.


     Á dereita do altar maior está a capela do Santo Milagre, na cal podemos ver a imaxe de Santa María a Real do Cebreiro. Trátase da Virxe dos Remedios e dise que inclinou a súa cabeza para poder observar o Santo Milagre e quedou así como testemuña muda. A imaxe, leva nunha man o anel pastoral que lle ofrendou o Bispo de Lugo, frei Plácido. Esta imaxe sufriu moitas restauracións o longo do tempo, a última en 1971. No altar de esta capela consérvanse nunha vitrina o cáliz e a patena, onde se produciu o milagre (son pezas románicas s.XII que forman parte do Catálago Europeo de Arte Románico), e o relicario onde se garda os restos do milagre dende que en 1486 o doasen  os Reis Católicos.  A imaxen deste cáliz forma parte do escudo de Galicia dende 1984. Debaixo da vitrina hai un sagrario de prata, que representa a urna da Catedral de Santiago onde repousan os restos do Apóstolo Santiago. Á dereita están os sepulcros dos protagonistas do Santo Milagre, o fregués do pobo de Barxamaior e o monxe.

 
     Á esquerda do altar maior atópase a capela de San Bieito, dedicada ós monxes fundadores da igrexa, en cuxo altar podemos ver a imaxe de San Bieito. Ós pés do altar está o sepulcro do párroco Elías Valiña Sanpedro, principal valedor destas terras, que emprendeu as restauracións do poboado e foi o gran impulsor do Camiño de Santiago. Foi párroco do Cebreiro dende 1959 ata 1989, ano do seu falecemento.


     Dentro da igrexa tamén nos chama a atención a imaxe de San Francisco de Asis, que se supón que realizou a peregrinación a Santiago de Compostela polo Camiño Francés en 1214.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Pedrafita do Cebreiro
Concello de Pedrafita do Cebreiro
Pedrafita do Cebreiro - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 367 103 | Fax: 982 367 150
E-mail: conpedrafita@hotmail.com