Fondo cabecera
Inicio » Turismo » Puntos de Interese » Monumentos » CONXUNTO ETNOGRÁFICO DO CEBREIRO

CONXUNTO ETNOGRÁFICO DO CEBREIRO

Conxunto etnográfico o cebreiro

CONXUNTO ETNOGRÁFICO DO CEBREIRO

Na alta montaña da provincia de Lugo, no límite entre Castela e León e Galicia, atópase un pequeno pobo, que durante séculos acolleu e segue acollendo ós peregrinos que facían e fan o Camiño Francés cara Santiago de Compostela.

Neste poboado pódense visitar as pallozas, o museo, a Hospedaría de San Giraldo de Aurillac e a Igrexa de Santa María A Real.

As pallozas son as vivendas tradicionais por antonomasia, son de orixe prerrománico, teñen estrutura ovalada, circular ou elíptica, con muros de gran grosor de pedra, nos cales se abren pequenas ventás e as portas necesarias para os servizos de entrada e saída dos seus ocupantes, o teito está feito de colmo e non contan con cheminea, xa que o fume filtrábase a través da palla.

Baixo a alta e tupida cuberta de palla de centeo, que soportaba o peso da neve e os ventos da montaña pola súa forte inclinación, destinada a que a neve parase pouco sobre ela, o que nos mostra que o home do prerrománico se adaptaba o clima da zona. Convivían as familias cos seus animais domésticos, de modo que estes lles proporcionaban o calor necesario para poder soportar as baixas temperaturas do inverno.

No interior destas construcións conservase o pouco e escaso mobiliario e os útiles domésticos que se utilizaban naquel tempo. Había dous espazos ben diferenciados, a Estraviza, para o gando e os apeiros de labranza e o Ástrago para a vida familiar, no cal normalmente había unha lareira para facer o lume, un forno para cocer o pan e un dormitorio. Ademais, en ocasións contaban cun piso intermedio de madeira, a Barra, na cal se gardaba a colleita da herba e tamén se aproveitaba para durmir.

 

A palloza museo do Cebreiro reflexa á perfección as condicións de vida do pasado na montaña lucense, a distribución dos espazos está en perfecta relación co entorno e coa vida gandeira e agrícola que perviviu no poboado ata ben entrada a segunda metade do século XX.

 

HORARIO

Entrada gratuíta. Cerrado domingos, luns e festivos.

MAÑÁS

TARDES

INVERNO

11.00h- 14.00h

15.00h-18.00h

VERÁN

08.30h-14.30h

 

 

 

A Igrexa de Santa María a Real do Cebreiro tamén pode ser visitada no Cebreiro.

 

Recibe o nome de Santa María A Real porque foi declarado santuario de protección real e foi favorecido ó longo dos séculos por privilexios reais.

A Igrexa, pertencente o estilo Prerrománico, probablemente foi fundada polos monxes bieitos no século IX. No ano 1072 o rei Alfonso VI, púxoa en mans dos monxes franceses pertencentes á abadía de San Xiraldo de Aurillac, para posteriormente depender de novo da orde bieita nos tempos dos Reis Católicos; finalmente, no ano 1853, trala desamortización de Mendizábal foi abandonada por estes. Xa no século pasado, no ano 1963 comezou a súa restauración xunto có resto do conxunto histórico do Cebreiro.

O santuario ten planta rectangular, con cuberta de lousa a dúas augas, presbiterio e arco triunfal con bóveda de medio punto. A torre forma un pórtico con catro piares e catro vans con arcos de medio punto, representando así a arquitectura típica das montañas de Lugo.

O interior da Igrexa está articulado en tres naves irregulares, a sancristía e o baptisterio están situados á esquerda nunha habitación separada do resto do habitáculo. No baptisterio localízase unha pía bautismal do Século IX que se utilizaba nos tempos pasados para o bautismo por inmersión.

No Altar Maior pódese admirar unha escultura do Cristo Crucificado.

A dereita do altar maior está a capela do Santo Milagre na cal se pode apreciar a imaxe de Santa María a Real do Cebreiro, a Virxe dos Remedios, da que se di que inclinou a cabeza para poder observar o Santo Milagre e quedou así como testemuña muda do suceso. A imaxe, leva nunha man o anel pastoral que lle ofreceu o Bispo de Lugo, frei Plácido. Esta talla foi obxecto de moitas restauracións o longo do tempo, a última no ano 1971. No altar desta capela consérvanse nunha vitrina o cáliz e a patena nos que se produciu o milagre, estas son pezas románicas do Século XII que forman parte do Catálogo Europeo de Arte Románico e un relicario no que se gardan os restos do milagre dende que no 1486 o doaron os Reis Católicos. É un feito destacable que a imaxe deste cáliz forma parte do escudo de Galicia dende o ano 1984. Debaixo de dita vitrina hai un sagrario de prata que representa a urna onde repousan os restos do Apóstolo Santiago na Catedral de Santiago de Compostela. Á dereita están os sepulcros dos protagonistas do Santo Milagre, o fregués de Barxamaior que acudiu a misa a pesar das inclemencias meteorolóxicas e o monxe oficiante.
    O outro lado do altar maior, á esquerda, atópase a capela de San Bieito, adicada ós monxes que fundaron a Igrexa e en cuxo altar podemos ver a imaxe de San Bieito. Ós pés deste altar está o sepulcro do párroco Elías Valiña San Pedro, principal valedor destas terras, que impulsou as restauracións do poboado e foi o gran impulsor do Camiño de Santiago; foi o párroco do Cebreiro dende 1959 ata o seu falecemento en 1989.
No interior desta Igrexa tamén chama a atención a imaxe de San Francisco de Asis, quen se di que realizou a peregrinación a Santiago de Compostela polo Camiño Francés no ano 1214.

 

Imaxes

Palloza do Cebreiro Palloza do Cebreiro_1

Ver máis imaxes

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Pedrafita do Cebreiro
Concello de Pedrafita do Cebreiro
Pedrafita do Cebreiro - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 367 103 | Fax: 982 367 150
E-mail: conpedrafita@hotmail.com