Fondo cabecera

Gastronomía

Gastronomía_queixo

GASTRONOMÍA DO CONCELLO DE PEDRAFITA DO CEBREIRO

 

Pedrafita do Cebreiro conta cunha gran riqueza gastronómica, algo que é unha referencia para aqueles que visitan o concello. A cociña deste concello destaca pola elaboración caseira, baseada na utilización de produtos naturais típicos da zona. Destacan os distintos pratos elaborados con carne de vacún criada baixo a denominación de orixe protexida Ternera Gallega, procedente fundamentalmente da raza Rubia Galega e de outros cruces de razas cárnicas. Outros produtos que merecen ser destacados son os derivados do porco, cos que se elabora o cocido que tanta fama ten na zona. Por outro lado o pan desta zona é elaborado de forma artesanal en forno de leña, do mesmo xeito que os doces artesanais feitos a base de mel, noces ou castañas procedentes tamén de distintas zonas do concello.

Pero, sen lugar a dúbidas, o produto máis destacado é o Queixo do Cebreiro, co cal se poden elaborar numerosas receitas, xa que pode combinarse con gran cantidade de alimentos ou comelo só, como sobremesa.

A orixe deste queixo remóntase ós primeiros monxes que se instalaron no poboado do Cebreiro a finais do Século IX, cando atendían as necesidades dos peregrinos. A documentación conservada permite esbozar o despacho anualmente do queixo elaborado no Cebreiro para o consumo na Casa Real portuguesa durante o reinado de Carlos III que mandaba estes queixos a súa irmá, a Raiña de Portugal.

O queixo era elaborado principalmente por mulleres da comarca do Cebreiro, facíanse fundamentalmente no inverno para aproveitar a friaxe estacional e mellorar a súa conservación.

Denominación de orixe protexida Cebreiro

É unha Denominación recoñecida por Orde da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia de 21/12/04 e publicada no D.O.G. De 21/12/04.

Esta denominación de orixe ampara o queixo elaborado con leite procedente de gando vacún saneado das razas Rubia Galega, pardo-alpina, frisona e dos cruzamentos entre elas. O leite será natural, enteiro e en todo caso procedente das granxas inscritas nos rexistros do Consello Regulador, e deberá ter unha composición que cumpra cos mínimos legais establecidos.

Os queixos amparados pola denominación de orixe protexida Cebreiro levaran unha contraetiqueta numerada controlada polo Consello Regulador e unha etiqueta que faga referencia á Denominación de Orixe e o prazo de consumo preferente de 60 días.

A zona de produción autorizada tanto de leite como de queixo situase na provincia de Lugo, máis concretamente, na zona de entrada a Galicia polo camiño Francés. Trátase exactamente dos concellos de: Baralla, Becerreá, Folgoso de Caurel, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Triacastela, Pedrafita do Cebreiro, Baleira, Láncara, A Fonsagrada, Castroverde e Samos.

O queixo do Cebreiro fresco é un queixo graxo de pasta branca, branda, arxilosa o tacto, untuosa, fundente o padal e granulosa, elaborado como dixemos con leite de vaca. Este queixo pode comercializarse en distintos formatos, cun peso comprendido entre os 0,3kg e os 2kg. Fresco comercializase cunha maduración mínima de 48 horas, mentras que o curado se vende cunha maduración dun mínimo de 45 días. Estéticamente, en canto a forma, ten unhas características ben diferenciadoras: ten forma de fungo ou de gorro de cociñeiro, a base é cilíndrica (cun diámetro variable e unha altura non superior os doce cm), ademáis presentará un sombreiro con un ou dous centímetros máis de diámetro e altura variable de o redor de tres centímetros. O seu sabor recorda o do leite lixeiramente acedo.

Por outro lado, o queixo do Cebreiro curado ten unha codia pouco diferenciada e unha pasta de cor amarela, de consistencia máis firme que manteigosa. O seu sabor pode caracterizarse de metálico, picante e lácteo, cun aroma característico.

O proceso de produción deste queixo é o seguinte, cando o leite chega á queixaría pasteurizase. Do pasteurizador pasa a cuba onde se lle bota o callo. Unhas horas despois xa temos a callada, córtase e bótase nunhas bolsas de tela para que se desore, a continuación engádeselle sal e amásase e para finalizar introdúcese nuns moldes e prensase.

Na actualidade so se comercializa o queixo fresco, que conta cun gran abano de posibilidades para a cociña, serve tanto para facer ensaladas, suavizar cremas, guisar carnes ou peixes como para ofrecer de sobremesa, só ou acompañado por mel, marmelo, noces... ou sendo a base de flans ou pasteis.

Cada ano, o día de Venres Santo se celebra a Feira da Denominación de Orixe Protexida Cebreiro

No ano 1990 abriu a primeira queixería artesanal, Queixería O Castelo, e en 1991 recibiu o premio produto galego de calidade. Dende aquela recibiu gran cantidade de nomeamentos e premios como por exemplo, no ano 2013, foi o mellor queixo de España da súa categoría e no 2014 o mellor queixo fresco de Galicia, o que nos leva a destacar a súa gran calidade.

Dende esta primeira, fundáronse máis queixerías, pero ningunha delas situada no concello de Pedrafita do Cebreiro, senon que están repartidas nos outros concellos produtores.

CONSELLO REGULADOR DA DENOMINACIÓN DE ORIXE PROTEXIDA CEBREIRO

Dirección: Avda de Castilla, nº 18-bajo. 27670, Pedrafita do Cebreiro, Lugo.

Teléfono: 982 36 70 12

FAX: 982 36 74 12

Correo electrónico: info@cebreiro.es

Páxina Web: www.cebreiro.es

QUEIXARÍA CASTELO

Dirección: Acceso mercado gandeiro S/N, 27670 Pedrafita do Cebreiro, Lugo

Teléfono: 982367163

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Pedrafita do Cebreiro
Concello de Pedrafita do Cebreiro
Pedrafita do Cebreiro - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 367 103 | Fax: 982 367 150
E-mail: conpedrafita@hotmail.com