Fondo cabecera

Historia

Historia

     A historia deste municipio atópase fortemente influenciada pola súa relevancia no Camiño de Santiago. A súa función de paso da ruta xacobea e outras vías, marcou a súa historia local .
     Pedrafita do Cebreiro, formou parte do itinerario das vías romanas, como o era a vía que por Triacastela conducía ó interior da Galicia antiga dende Astorga. Na Idade Media, deu paso o Camiño Francés a Santiago e a un Camiño Real. No século XIX, pasou formar parte da N- VI, a primeira estrada moderna de acceso dende a meseta a Galicia. Hoxe en día, Pedrafita do Cebreiro, constitúe a entrada en Galicia do Camiño Francés, da  N-VI e da A-6. Todo isto unido ó Milagre do Santo Grial, acontecido no Cebreiro, converteu a este concello nun lugar de peregrinación obrigado dende fai séculos.

     Para comezar a falar da historia deste concello temos que remontarnos a tempos anteriores ós romanos. As pallozas, son as vivendas tradicionais, testemuñas inmellorables dun asentamento prerrománico, que deron cobizo durante milenios ós seus habitantes. Hoxe, convertéronse en un reclamo turístico e son utilizadas como Museo Etnográfico no pobo do Cebreiro.


     O Santuario do Cebreiro é o referente histórico deste municipio, dada a súa relevancia no Camiño Xacobeo e o milagre acontecido. O Mosteiro anexo a igrexa foi abandonado polos últimos monxes que habitaban nel no 1858. A Igrexa de Santa María a Real foi antigo priorado e hospital, xunto co resto do conxunto  monumental do pobo foi restaurada no 1961.
O primeiro hospital data do 835, pero será no 1072, cando adquira maior relevancia ó pasar as mans dos monxes franceses de Aurillac. No século XIV alcanzará fama universal, co Milagre do Santo Grial. Este milagre aconteceu cando nun día de forte temporal de neve un monxe celebraba misa na capela do Cebreiro. Un veciño da pobo de Barxamaior desafiou a tempestade achegándose ata O Cebreiro para escoita-la misa. O monxe menosprezou o sacrificio do fregués, exclamando cando o viu chegar: ¿cual viene este otro con una tan gran tempestad, y fatigado, a ver un poco de pan y vino¿. Nese momento a hostia converteuse en carne e o viño en sangue.
Esta lenda estendeuse por toda Europa e o santuario obtivo diversas bulas papais e privilexios reais.

     En 1486 os Reis Católicos, de peregrinación a Santiago, cando chegan ó Cebreiro para contemplan o milagre, fan doazón do relicario, onde se gardan os restos. O Cáliz e a Patena, afamadas pezas do románico do s. XII. A imaxe deste cáliz pasou a formar parte do escudo de Galicia no ano 1984. .
A tradición popular conta que a raíña Isabel quixo levar con ela as reliquias do Cebreiro. A comitiva rexia partiu cara Castela e chegando o lugar de Pereje (naqueles tempos formaba parte do priorado do Cebreiro), a uns 20 quilómetros do pobo, os cabalos pararon e foi imposible facelos continuar. O medo apoderouse da comitiva e deixaron libres os cabalos que volveron as portas da Igrexa de Santa María do Cebreiro. Vendo isto a Raíña ordenou que as reliquias continuasen no Cebreiro. A influencia dos Reis Católicos na historia destas terras reflíctese tamén, no feito da petición que fan o Papa Inocencio VIII para restaurar a hospedaría e o hospital. Ademais, pola súa mediación pasa a depender da Orde Bieita de Valladolid. Posto que O Cebreiro dependía dunha orde francesa, eliminaron os lazos que o unían co exterior facendo depender ó Cebreiro dunha casa española. O empeño dos Reis Católicos por engrandecer ó Cebreiro, está presente nos continuos privilexios que se lle irán outorgando ó longo dos anos e que se suman ós xa obtidos en épocas anteriores doutros reis. Deste xeito, chegará o seu apoxeo en tódolos eidos, tanto materiais coma espirituais.

 
     O Cebreiro tivo unha extraordinaria importancia na loita contra os franceses,dada a súa posición estratéxica de paso entre Castela e Galicia. No 1809, as tropas de Moore invaden os montes do Cebreiro, na súa fuga cara a Lugo e Coruña. Nesta loita, tropas francesas dan morte a Fournier, gobernador de Lugo. O irmán do gobernador reacciona dirixindo unha expedición de castigo devastando o seu paso bosques e poboados. Nesta loita, son destruídos os libros antigos do Cebreiro, co que perdemos así parte da historia escrita do noso concello. As reliquias do milagre do Cebreiro non se destruíron, grazas a que se atopan protexidas na aldea de Foxos.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Pedrafita do Cebreiro
Concello de Pedrafita do Cebreiro
Pedrafita do Cebreiro - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 367 103 | Fax: 982 367 150
E-mail: conpedrafita@hotmail.com